A SALA X,
Sala de Exposicións do Campus de Pontevedra exporá APOSTALADO GALAICO UN
PROXECTO DE XOSÉ ENRIQUE ACUÑA
- Inaugúrase o vindeiro xoves, 3
de abril, ás 20.00 horas.
- A mostra poderase visitar até o
23 de maio.
Os ideólogos e artistas da vangarda surrealista xa repararan no poder
conceptual e ideolóxico das postais. Unhas tarxetas impresas que naceran no
século XIX, como medio eminentemente postal, de correo, e que triunfaron entre
elitistas sectores da sociedade como eficaz e ilustrado vehículo de
correspondencia. As postais fascinarían co tempo ao ofrecer un humilde e
regrado soporte acartonado a todas as estéticas e "ismos" do século
XX. Mais tamén para socializar definitivamente a creación artística e a actividade
fotográfica.
A postal e as súas masivas tiraxes foron sobre todo comercio, industria
editorial, laboratorio de tendencias, propaganda e pura estratexia mercantil. E
hoxe, boa parte do seu mundo, pervive e mesmo retorna desde un coleccionismo
activo que permite, caso deste proxecto de Xosé Enrique Acuña, restaurar
non poucos dos singulares e contraditorios espazos de creatividade que
protagonizaron.
En plenos anos 60 do século pasado, a década na que unha parte da sociedade
gozaba do pop-art, da nova música rock ou do cinema da Nouvelle Vague
e na que se perseguía tamén a impugnación de vellos costumes sociais, distintas
editoras españolas, con Galicia como referencia interesada, deciden
imaxinar e vender un país do pasado con postais daquel presente, plastificadas
e impresas a todo color. Esta reinvención, plenamente kistch e
desenvolvida nunha ditadura política, artéllase cunha aposta pola viveza das
cores, mesmo a alteración descarada dos mesmos, cal se fosen un plano fixo
cinematográfico filmado en Eastmancolor con destino a un filme de serie
B e sempre cara a un consumo que se presumía masivo.
Homes e mulleres, tamén nenos e nenas, foron retratados en traballos ou
leceres, supostamente campesiños ou mariñeiros, con sinxelas dramatizacións.
Todas elas propias ou impropias dunha sociedade rural que se desvirtuaba e
mesmo desaparecía, con posturas pactadas, poses hieráticas e aliños de
figuración a formar ante cruceiros, canastros, carros de bois, castros, pazos,
igrexas e paradores de turismo. Convidados todos cal actores dunha foto-novela
imposible e en encadres que plenamente se escapan da realidade daqueles anos.
Hoxe, pola contra, transmiten estéticas, mediante peitados, maquillaxes e
bronceados, nada distantes das expresadas desde o pop dos 60 e 70.
Imaxes e modelos inseridos nunha idealización de carácter mercantil, non esenta
de carga ideolóxica, desenvolvida por empresarios da edición e executada, con
claro aforro de custes de produción, por fotógrafos de nome non transmitido que
agora, en reinterpretación expositiva, se rescatan nun xogo de tópicos e
arquetipos en forma dun Apostalado Galaico.
Unha mostra que articula un espazo común para ofrecer, como protagonista
central, un repintado lenzo daquela Galicia, manipulada e deliberadamente desprovista
de impurezas, mais enfrontado a novas relecturas executadas en claves de
creación contemporánea. As que, entre reivindicativas e críticas, se
aportan coa obra fotográfica de Xulio Gil e as pezas da súa serie de
título Re-postais galaicas. Ou as que desde as imaxes en movemento do
video Contra Apostalado Galaico, realizado por Sabela Vázquez Díaz,
introducen mensaxes da clandestinidade antifranquista dos anos 60 e 70.
|