Notice: Undefined variable: LISTA2 in /Library/WebServer/Documents/salax/_lib/_inc_actividades.php on line 291
Sala X | Vicerreitoría do Campus de Pontevedra :: Exposicións
Casa das Campas
Sala X Exposicións

Exposicións

 
 

2008.04.09
Xardín privado. Obras dun coleccionista de arte
A cada paso estamos a ver nas institucións museísticas
máis exposicións de coleccións particulares, o cal, sen
dúbida, artella un dobre xogo entre perigoso e fascinante.
Se dun lado os propietarios vén recoñecidas e validadas as súas
coleccións polos centros expositivos, asemade sofren o escarnio
público pola manchea de miradas inquisidoras de visitantes
(público xeral e especialistas) que desvelan e recoñecen, que analizan
e critican o patrimonio de seu. Ademais, moitos conciben
estas coleccións como o froito dunha perversa maridaxe co poder
e a riqueza. E pode ser que mesmo as obras sexan avaliadas polo
que significan no contexto deste ou estoutro coleccionista, no
canto de polos seus valores intrínsecos. Porque, seguramente
tamén, as pezas mudan de significados por mor das filiacións que
se estabelecen co resto das obras que integran esa colección.
Nestas exposicións adoitan xurdir incómodas e dolorosas preguntas
para o amor sempre incondicional do propietario cara á súa
obra, e debátese arredor da orixe da peza artística, sobre o seu significado, o seu valor ou a súa pertinencia. Unha mostra así non
debe ser de todo doada para o coleccionista. O xardín privado
convértese agora nun xardín público tripado e ruidoso, cuxo mantemento
resulta ben complexo e cuxo significado se democratiza e
amplifica até límites mesmo banais, o cal incomoda dabondo o
xardineiro fiel dese predio.

Certamente un colecciona para aprehender, atesourar, contemplar,
coñecer, pero tamén, sen dúbida, por posuír (e xa se sabe que
toda posesión implica a fachenda de ser recoñecido polos outros
como propietario). De todos modos, case que sempre prima o
amor, que non require de alardes, e se un reúne, poñamos por
caso, libros é coa confianza de poder relelos, de seguir a aprender
deles, continuar a desentrañar nalgún momento as súas claves e,
sobre todo, como memoria nutriente que non esquece. Acontece
igual con estas obras de arte que están aí, no espazo doméstico,
para seguir a subministrarlles aos seus moradores pílulas de pracenteiro
coñecemento coas que entender o mundo, coñecer as
persoas e debater sobre esas ideas (radicais, antagónicas, oníricas,
espirituais...) que vindica cada artista en cadansúa peza.
Tamén como puro goce sensorial.

Coleccionar é a ocupación dun lugar; trátase de definir e colonizar
un territorio cun número indeterminado de obxectos polos que un
devece e que instauran unha nova orde, un novo sistema vital. E
de aí que a pintura, o gravado, a fotografía, o debuxo e a escultura
que o coleccionista sitúa na biblioteca, no comedor, no dormitorio, no salón, nun corredor, a carón dunha fiestra, enriba dun
sofá, encol dun andel de libros no despacho... constrúan unha
nova vida, un novo pensamento, unha nova acción. Porque esas
obras non son mero atrezo estético e porque hai un intercambio
mutuo entre as obras e a orde vital dos seus depositarios, e xa
que logo as pezas artísticas adquiren todos os significantes dos
seus moradores, a atmosfera decotío das persoas da casa, de xeito
que cando esas mesmas obras se sitúan no territorio aséptico do
museístico, daquela perden engado e complexidade. Sen esas
obras os seus propietarios xa non serían os mesmos e esas obras
non hai dúbida de que se nutren dos significantes de quen as
posúe. Non pode ser doutro xeito, porque coleccionista e obra de
arte atópanse ateigados das marcas do tempo e da historia, aloumiñados
ambos polas miradas, polos obxectos cos que conviven,
polas luces e os arrecendos da memoria doméstica.

Aquí o coleccionista posúe obra de Xosé Carlos Barros, Mónica
Alonso, Mitsuo Miura, Correa Corredoira, Miquel Navarro, José
Pedro Croft, Din Matamoro, Carlos Rial, Jorge Barbi, Joan Brossa,
Jorge Migoya, Antonio Murado, Xurxo Oro Claro, Alex Mene, Tono
Carbajo, Amaya González Reyes, Ánxel Huete, Marta Prieto e
Marta Iglesias... e con eles creou lazos de amizade espiritual e
tamén persoal, mesmo sen coñecelos persoalmente. Nomes de
artistas galegos a meirande parte, mais tamén peninsulares, cos
que estabelece relacións de veciñanza, de comúns experiencias
de vida, e iso quizais tamén porque a maioría son coetáneos de
xeración.

Trátase, ademais, dun coleccionista galego, nun país como Galiza,
que aínda non conta cun tecido amplo e consolidado de coleccionistas
de arte contemporánea. Un coleccionista galego? Unha
rareza, xaora. Daquela, Xardín privado é tamén un convite para
reivindicar o feito do coleccionismo privado en Galiza (e non só o
institucional ou corporativo), a necesidade dun territorio onde
existan persoas que fagan da obra artística contemporánea un ben
de consumo cultural de primeira necesidade. E que ademais o
fagan xustamente con obras básicas, elementais, seguramente
esenciais malia todo, que non sexan grandes formatos nin necesariamente
grandes nomes do top artístico. Que estas pezas se amosen
nesta fábrica da creación que é a Facultade de Belas Artes de
Pontevedra (de onde saen por certo algúns dos nomes da colección)
é en si mesmo un bo augurio e un convite para seguir a fertilizar
ese terreo-casa común da plástica galega que conxuga artistas
novos e coleccionistas. Velaí ese hortus ibérico que o coleccionista
cultiva entre devezos e inquedanzas, onde sacha, aloumiña
e rega con fruición de namorado a arte e a vida. Un eirado de frutíferas
paixóns privadas que, desta volta, temeroso, o coleccionista
comparte e saborea connosco amosándonos algo desas correntes
de afectos intelectivos e de praceres estéticos xurdidos das
cores, das representacións, das formas, das narrativas, dos formatos,
dos soportes e dos materiais que aniñan nas obras e na familia
que as acolle.

Visitar Galería.


2008.04.09.
Sala X
Horario:


Descargar documentacion:
No hay documentos


Volver


 



 

Sala X
Sala de Exposicións do Campus de Pontevedra
Rúa Maestranza, 2
36002 Pontevedra
T. 986 801807
sala-x@uvigo.es