Notice: Undefined variable: LISTA2 in /Library/WebServer/Documents/salax/_lib/_inc_actividades.php on line 291
Sala X | Vicerreitoría do Campus de Pontevedra :: Exposicións
Casa das Campas
Sala X Exposicións

Exposicións

 
 

2008.04.09
Tempo Morto
Aínda é posible, mirade: hai unha escultura crúa e sen
gornición, unha escultura desgornecida e sen reticencias.
Por se alguén pensaba que isto xa non podía ser: velaquí
está, a escultura como demostración da súa posibilidade, ofrecida
como remedio para a melancolía da escultura. Esculturas feitas a
mantenta e que, ademais, parecen nacer indignadas porque alguén
poida pensar algunha vez que é xa imposíbel a escultura e pretenda
aproveitar as súas pezas na construción de calquera cousa.
Esta é unha escultura irada e tranquila, moi segura de si. Non é
babeca e pretensiosa como un coche novo nun escaparate, malia
ser igual de brillante; nin moito menos é triste, nin está desamparada
como esoutros coches deixados ao resío agardando a ser convertidos
en chatarra. É escultura digna e indignada.

Seguramente é certo que adoptar certa postura resistente sexa o
único xeito de facer escultura hoxe pero, non o é menos que a
escultura sempre tivo algo que ver con poñer as cousas no seu
sitio, sempre foi un intento, probabelmente ben intencionado, de
amosármonos as cousas como son e como son as cousas.

Ramón González Echevarría é ben capaz de facer unha escultura.
Algunha dúbida aínda? Pois velaí están: esculturas feitas con
rabia, como se, asemade que se vai buscando a sutileza a marteladas,
entre dentes murmurase: hanse decatar do que é escultura!
Escultura que renega do que lle tocou vivir, inapelábel pero a contracorrente.
Escultura que non se sabe até que punto está feita
mundo, ou se é mundo que está feito escultura, ou se é o mundo
forzado a ser escultura.

Hai xa algún tempo Ramón díxome que as esculturas “son
máquinas de parar o tempo”, díxoo de pasada, porque sospeito
que el prefire, máis que falar polos arredores, facer escultura
e, en todo caso, falar de como se fai unha escultura. Unha
actitude reservada no dicir para seguir apoiando a resistencia
do escultórico. Pero aquilo, se se dixo de pasada, igualmente
se dixo coa rotundidade que a afirmación merece. Agora
entendo que para parar o tempo está disposto a botar o freo
de man no medio da autoestrada, e que sexa o que Deus queira.
Un renxido e xa está: “até aquí chegamos”. Cálanse os motores,
calan, o aire deixa de asubiar; silencio, e sentimos que os oídos
resentidos nos zumban aínda. Detención, olor a goma queimada,
a pastilla de freo arrequentada, ulido doceiro a embrague
forzado.

Nisto sempre houbo algo de construír o silencio a base de alaridos,
de deter o tempo cravando as agullas do reloxo, de forzar as
situacións con soltura e sen enganos.

Lembro agora moi ben a exposición de Ramón González
Echevarría en Pontevedra. As obras ben dispostas onde tiñan que
estar, termando da potencia intempestiva que provén da conxunción
sinérxica do seu “aínda si” e do seu “aínda non”. Emanando
pola sala o olor corporal de seu, ao primeiro estraño e ao final
recoñecíbel, un olor que nos soa porque xa o sentimos ao respirarmos
o aire das ferraxarías, dos aparcadoiros ou dos cemiterios de
coches, dos concesionarios da Renault ou da Opel, de Volkswagen
ou Citroën, lugares todos eles onde as máquinas paradas están
agardando por nós, a piques de amosármonos o seu sentido.

Ao saír da sala ao aire renovado da noite ulisquei a manga para
comprobar se se me impregnara a roupa do olor a escultura.


2008.04.09.

Horario:


Descargar documentacion:
No hay documentos


Volver


 



 

Sala X
Sala de Exposicións do Campus de Pontevedra
Rúa Maestranza, 2
36002 Pontevedra
T. 986 801807
sala-x@uvigo.es