Notice: Undefined variable: LISTA2 in /Library/WebServer/Documents/salax/_lib/_inc_actividades.php on line 291
Sala X | Vicerreitoría do Campus de Pontevedra :: Exposicións
Casa das Campas
Sala X Exposicións

Exposicións

 
 

2008.04.09
Gonzalo Punch. Fotografías
Hoxe na miña casa decidiuse que se vai principiar a ordenar e amañar todo canto hai no cuarto que até o de agora facía de trasteira. Deseguido veume un calafrío, porque non estarei eu alí para revisar o que se tira e o que se garda, e porque así, por fin, vanse condenar sen remisión centos de cousas mediocres e fútiles que fun amoreando naquel espazo. Haberá que desembarazarse de mangados de papeis e pequenos obxectos que eu retiña por fe e credulidade manifesta na historia, tamén por decoro da miña biografía, ou por simple morriña, e agora que
se vai baleirar dese cúmulo de obxectos, non sei se gardados por omisión ou abandonados por desleixo, fico en branco, nunha instantánea queimada de luz ollando ese bodegón paradoxal e máxico da desorde derradeira. E penso, inmediatamente, no que hai tamén de liberdade e liberación nesa acción que eu non dirixirei coa que se ha garantir unha mellor xustiza cos obxectos. Cavilo
sobre ese monte de obxectos inservíbeis e abandonados, imaxe real da falla de orde da vida e da historia, e logo miro cara a esa fotografía de Gonzalo Puch, Sen título, 2001, da colección do Centro Andaluz de Arte Contemporánea, que amosa o caos e o lixo, o abandono e a penuria dos obxectos noutra trasteira igual que a miña. De certo que habitamos nun refugallo difícil e complexo, nun mundo enleado e críptico por demais, como o que observa esa persoa de pé, e que fotografa Gonzalo Puch, mentres terma do guiador da súa bicicleta como única suxeición coa que aprehender a arañeira semiótica. Que difícil poñer remedio a eses milleiros de ecuacións e problemas! O artista sevillano representa perfectamente esa dificultade nesoutro personaxe cuxa cabeza é un marasmo xigantesco, o mal soño dunha lea encistada, un vulto dramático, todo vendado, todo amorfo. Que é o que se venda aí? Quizais un marasmo supurante de trebellos inútiles da trasteira das nosas vidas?

Estamos a manternos con dificultade no gume da navalla, nun equilibrio inestábel sobre a póla, a piques de caer nunha charca ou de sentar directamente na lama traxados e imperturbábeis, de costas ao mundo e mentres ollamos cara a algún punto de fuga na liña do horizonte. Representacións posíbeis do desequilibrio vital, do caos?

Supoño que por iso tamén o artista fotografa escenas nas que opta pola construción de figuras xeométricas, como unha obsesión á que afianzarse, como unha arela de equilibrios, simetrías e ortogonalidades coas que organizar a existencia, fráxil como o papel, branca como as utopías e os soños. De certo que só a maxia e o xogo permiten algunha posibilidade segura de encarar ese marasmo do que falabamos ou esa perplexidade do libro aberto atopado
en metade da natureza, e só a construción de bodegóns ou espazos de cartolina e cartón pluma permiten recrear a existencia entre o onírico e o lúdico cun mínimo de lucidez (véxase senón a ollada entre azorada e científica desa moza mergullada nun hábitat de figuras xeométricas). Pero só son mundos imaxinarios, dúctiles e fráxiles, irreais e pura tremoia, xa que as fotografías de
Gonzalo Puch son puro teatro. E seguramente por ser teatro do absurdo, Puch non acerta a pórlles títulos a estas obras porque sería moi difícil buscar algo que definise cun título o caos. Buscar un título para esa gaiola invisíbel que nos cerca? Para eses bodegóns de papeis recortábeis? Velaí teñen perante vostedes fotografías de contos e pesadelos, de xogos de adiviñas e pantasmas e
fadas. Déixense rular nese trompe l’oeil tan irreal como verídico, e
abran ben os ollos a calquera sorpresa (feliz ou desgraciada) que
poida saltar dende un recanto da imaxe-escenario. Feliz triste función!

Xosé Manuel Buxán Bran

Visitar Galería.


2008.04.09.
Sala X
Horario:


Descargar documentacion:
No hay documentos


Volver


 



 

Sala X
Sala de Exposicións do Campus de Pontevedra
Rúa Maestranza, 2
36002 Pontevedra
T. 986 801807
sala-x@uvigo.es